Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta abordará o uso das plantas medicinais nun curso que se celebrará o vindeiro mércores no CFEA de Guísamo


Esta acción formativa, organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, terá lugar o vindeiro mércores 8 de setembro en horario de mañá, de 9:00 a 13:00 horas

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), abordará a elaboración de extractos para a defensa das plantas e o uso terapéutico das plantas medicinais nun curso que se celebrará o vindeiro mércores, 8 de setembro, no CFEA de Guísamo. A xornada será en horario de mañá, de 9:00 a 13:00 horas.

O obxectivo desta formación é impartir coñecementos básicos necesarios para a propagación de plantas medicinais e aromáticas en produción ecolóxica para acadar unha destreza á hora de elaborar as distintas preparacións, doses, decoccións, dilucións e infusións, etc.

Ademais, o curso tamén abordará as alternativas aos tratamentos convencionais mediante a elaboración de extractos vexetais para utilizar como estimulantes da vexetación, funxicidas, repulsivos e insecticidas. Para iso, daranse a coñecer aquelas asociacións de cultivos beneficiosas para un mellor control de pragas e enfermidades.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.gal. Para consultar calquera dúbida, o teléfono de contacto da coordinadora da iniciativa é o 881 881 047.